Entradilla
<p>O Teatro Rosalía acolle este martes 20 ás 20.30 horas unha homenaxe poético-musical ao escritor a quen neste 2016 se dedican as Letras Galegas, veciño da Coruña nos derradeiros anos da súa vida. Actuarán Os Diplomáticos de Montealto e un grupo de cámara que interpretará diferentes poemas de Manuel María musicados por Xosé Carlos Seráns. Entrada libre até completar aforo.</p>
Descripción
<p>As LÚAS DE OUTONO chegan á súa oitava edición este martes 20 de setembro. O Teatro Rosalía acolle, como cada ano, a homenaxe a Manuel María da cidade que el tanto amou e que, de feito, escolleu como residencia logo da súa xubilación. Nela faleceu en 2004 e aquí continúa a vivir Saleta Goi, a viúva do escritor a quen este ano se dedican as Letras Galegas. O Rosalía acolle a partir das 20.30 horas, con entrada libre até completar aforo, unha homenaxe a Manuel María desde a música. Non podía ser doutro xeito, sendo un dos poetas máis musicados de toda a historia da nosa literatura. Os Diplomáticos de Montealto volven ao escenario coruñés para facer cantar e bailar a palabra do escritor a ritmo de bravú: non podía ser doutro xeito; Manuel María era veciño de Montealto (Saleta ségueo sendo). Tamén actuará un grupo de cámara que, baixo o título Lembrando a Manuel María, interpretará varios poemas de Manuel María musicados por Xosé Carlos Seráns. Este grupo de cámara está composto de voz (a soprano Esperanza Mara), piano (Miguel Vizoso) e clarinete (Marina Abuín).</p>